Todos e todas á manifestación este venres ás 19h
Os e as traballadoras da empresa de transporte urbano de Vigo, Vitrasa, levan máis de dous anos loitando por unha mellora das condicións laborais que veñen padecendo. Xornadas extenuantes que poden chegar ás 10 horas diarias, coas consecuentes enfermidades profesionais e o risco que implica para os e as usuarias do servizo, perda continuada do poder adquisitivo dun 15% nos últimos anos, ou descansos irrisorios duns poucos minutos, son só algúns dos principais motivos polo que decidiron dicir xa abonda.
Desde o Sindicato de Estudantes solidarizámonos coas máis que xustas reivindicacións dos e as traballadoras en loita, apoiamos as xornadas de folga anunciadas para este venres 20 de outubro e para o próximo 1 de novembro, e animamos a todos e tódalas estudantes de Vigo a participar co persoal de Vitrasa na manifestación que terá lugar este venres ás 19h desde a intersección de Choróns, coincidindo con esta nova xornada de paro de 24 horas.
A defensa dos servizos públicos aféctanos directamente como estudantes de familias obreiras que os usamos a cotián. O transporte público non pode ser un negocio para empresas privadas ás que lles dá absolutamente igual as condicións nas que viven e desenvolven o seu traballo os seus traballadores e traballadoras. Empresas como Vitrasa, que o único que buscan é o beneficio económico, que reciben todos os anos millóns de euros de diñeiro público do Concello mentres maltratan aos seus traballadores, soben os prezos, quitan frecuencias e ata liñas. É inadmisible que o concello de Vigo, dirixido polo PSOE, continúe regalando diñeiro público a esta empresa e faga oídos xordos ás reivindicacións dos seus traballadores e traballadoras, é a súa responsabilidade garantir un transporte público de calidade e que se respecten os dereitos laborais.
Como estudantes afectados hoxe pola deterioro do transporte público, e como os e as traballadoras con dereitos que queremos ser mañá, somos conscientes de que a loita é o único camiño para acabar con estes malos tratos laborais e coa degradación do transporte público da nosa cidade. Por iso estamos convosco, traballadores e traballadoras de Vitrasa .
Por un transporte público de calidade e con dereitos para os seus traballadores!
Obreiros e estudantes, unidos e adiante!