O pasado martes 19 de maio a primeira xornada de folga no metal da Coruña, convocada por CIG, CCOO e UGT,  foi tremenda. Milleiros de manifestantes nas rúas, piquetes masivos e as empresas e polígonos industriais de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela totalmente baleiros.

Así de contundente responderon os 18.000 traballadores chamados á folga, un punto de arranque potente dunha loita na que, ademais de cortar as prolongacións de xornada, xa estaba anunciada a folga de 48 horas que comeza hoxe 26, e continúa maña 27 de maio.

Desde o Sindicato de Estudantes estivemos o 19 nas rúas convosco e cara as xornadas de folga de hoxe e mañá volvemos a amosar  todo o noso apoio nesta batalla , porque é a loita das nosas familias, da nosa veciñanza e do conxunto da clase traballadora por vivir dignamente. Por iso a vosa loita vai más alá do metal e a solidariedade é tan forte.

Forrándose mentres nos empobrecen: a hipocrisía dunha patronal parasitaria

Esta folga é a resposta a unha realidade insoportable, que é imposible chegar a fin de mes e ter unha vida digna sen mellorar os convenios. Na Galiza, segundo o INE, a vivenda se encareceu un 4,9% e os alimentos un 3,2% só en 2025. O alugueiro non para de subir, o risco de pobreza ou exclusión social na Galiza disparouse 3,3 puntos nun ano, ata o 22,1% e o salario medio galego segue 230 €/mes por baixo da media estatal.

A outra cara da moeda son as deslumbrantes cifras da patronal. Segundo o propio informe anual de ASIME (a patronal), o sector pechou 2024 cun incremento da facturación do 10%, do emprego dun 3% e da capacidade produtiva ocupada de máis do 90%. Un informe presentado por Unicaja no mes de marzo, sitúa a rendibilidade financeira da industria da provincia no 11,7%, das máis altas do Estado.

A perspectiva de carga de traballo é a mellor en décadas. E con todo isto, ¿que ofrece a patronal? Un 8,2% de subida acumulada, ao longo dun convenio a 5 anos, cunha inflación interanual do 3,2%! Con isto o que está asegurada é  a perda real do poder adquisitivo desde o primeiro día. E, por se fose pouco, a patronal pretende eliminar o complemento de IT en enfermidade común e manter a xornada laboral anual.

Hai forza para arrincar un bo convenio e ídelo a conseguir!

O potencial no Metal da Coruña é tremendo e estas 48 horas de folga do 26 e 27 son a próxima oportunidade.Se a patronal non cede, hai que dar o paso seguinte: endurecer ás mobilizacións. Este é o único linguaxe que entende a patronal e non podemos ceder ante os cantos de sirena das primeiras concesións froito da loita. Vivir dignamente non é ningún privilexio, non ter que xogarte a vida no posto de traballo é algo imprescindible, diso va esta loita  e por iso estamos convosco, porque a vosa loita e á nosa e a de toda a clase obreira.

 A forza témola nas rúas e non as podemos baleirar mentres a patronal se forra  a nosa costa. Hai cartos, porque hai moitísimo beneficio, hai carga de traballo, este é o momento. Coa forza amosada, a patronal só pode perder e os traballadores só podedes gañar. Adiante coa loita!