“Coa irrupción da marea amarela por primeira vez vemos que se pode cambiar a situación”
O pasado 7 de maio unha inmensa marea amarela inundou as rúas de todo o Estado na impresionante folga das traballadoras de educación infantil e Galiza non foi unha excepción. Desde entón as accións e as protestas continúan, sumando agora a denuncia pública das altísimas temperaturas nas aulas.
Os retos do movemento son moitos pero froito da loita e da simpatía social que desapertou este movemento o Ministerio de Educación (MEC) veuse obrigado a anunciar o compromiso de baixar as rateos para o curso 2027-2028, comezando polo primeiro curso do primeiro ciclo da etapa ata a aplicación completa a toda a etapa no curso 2029-2030. Máis sabemos moi ben que sen os recursos humanos e materiais necesarios, sen un plan de financiación extraordinario de aplicación inmediata para a pública no tramo 0-3 as palabras lévaas o vento. É máis, por que hai que esperar e deixar pasar outro curso escolar sen dar unha resposta real a esta realidade.
Sen embargo, só ese tímido anuncio, —que nin sequera está garantido que se leve a cabo, xa que as próximas eleccións xerais poden cambiar o signo político do MEC— fixo que a Xunta do PP non tardara en contestar coa ameaza de retirar a gratuidade actual da etapa 0-3 para as familias no caso de que finalmente se baixaran as rateos. Unha auténtica declaración de guerra ás traballadoras coa que pretenden botarlles encima ás familias e poñelas en contra das súas reivindicacións. Ameazas que volven a poñer de manifesto a necesidade dun ensino público 100%, tamén no 0-3, fora de chantaxes da patronal e os gobernos, como o da Xunta, dedicados a soster negocios privados a costa da calidade educativa dos e as nenas e as condicións laborais das traballadoras.
Para falar de todo isto entrevistamos a Fabiana Techera, voceira na Coruña da Plataforma Galicia Dignidade 0-3.
O Militante.- Cal e a situación concreta que se vive no sector en Galiza e que supuxo para vos, as traballadoras das escolas infantís, a irrupción da marea amarela?
Fabiana Techera.- Galicia ten as competencias en educación máis atopamos diferenzas con outros territorios como por exemplo que o sector non pertence á Consellería de Educación se non á Consellería de Política Social, considerándonos unicamente unha medida de conciliación para as familias. E perdendo de vista o valor educativo e crucial desta etapa. Axudar a comer, cambiar un cueiro ou cambiar a roupa son momentos de aprendizaxe afectiva, lingüística, de autonomía e de psicomotricidade. Non son tarefas mecánicas, son pedagoxía pura. No 0-3 coidar é educar.
Conviven varios tipos de xestión: as escolas privadas, as municipais (xestión externalizada), as públicas (rede Galiña azul e AGASS e PAI e Casas Niño), cada unha con súas propias casuísticas, e con convenios especialmente abusivos nos casos das profesionais das privadas. Isto crea diferenzas dentro do sector, minguando a dignidade do mesmo.
Na maioría dos centros unha única educadora pode estar ao cargo de ata 8 bebés (0-1 ano), 13 nenos de 1-2 anos, ou 18 nenos de 2-3 anos. A xornada é unha carreira de obstáculos física e emocional: cambiar cueiros en cadea, dar de comer, xestionar rabechas, consolar choros, deitar para a sesta e, ao mesmo tempo, manter un ambiente estimulante e seguro. A consecuencia é que non hai tempo material para a pedagoxía individualizada. Se un bebé precisa brazos, os outros sete quedan desatendidos. O desgaste físico (lesións de costas) e psicolóxico (ansiedade por non chegar a todo) é altísimo.
Coa irrupción da marea amarela por primeira vez vemos con esperanza e motivación que o que leva padecendo o sector das profesionais e, o máis importante, a infancia, pódese visibilizar e sobre todo cambiar a través das reivindicacións que puxemos en consenso. É un movemento que xorde de abaixo cara arriba, dende as propias aulas. Nace tamén cun forte carácter asembleario e autónomo polo papel dos sindicatos maioritarios ata o momento, visto por gran parte do colectivo como insuficiente, ao asinar moitas veces convenios colectivos, especialmente no sector privado/concertado, que perpetúan a precariedade e salarios que apenas rozan o Salario Mínimo Interprofesional.
As traballadoras das escolas infantís tanto da rede pública da Xunta de Galiza, de escolas municipais e de centros concertados/privados unímonos para poñer límite ao mesmo problema de fondo: o abandono institucional dunha etapa clave. Actualmente somos mais de 1.500 profesionais que conformamos a Plataforma galega, que à vez estamos dentro do marco da Plataforma estatal 0-3, constituída por as distintas comunidades autónomas. O sector esta moi unido, tendo un sentimento de pertenza e de valoración á profesión e ao respecto pola infancia. A relación entre os dereitos da infancia e das traballadoras están intrinsecamente ligados, non se poden garantir os dereitos da infancia se se vulneran os dereitos de quen os coida.
OM.- Hai uns días, tras a promesa feita polo goberno central de rebaixar as rateos, a Xunta do Partido Popular ameazaba con rematar coa gratuidade das escolas infantís se finalmente as rateos baixaban. Que opinades?
FT.- En primeiro lugar, para o colectivo este compromiso é un fito histórico. Estamos esperanzadas e agradecidas ao Ministerio de Educación pola sensibilidade mostrada ante as reivindicacións, que viñemos reclamando nas mobilizacións, actos, folgas e co esforzo principalmente das compañeiras de Madrid que levan en folga indefinida dende o dia 7 de abril. Coa decisión de modificar el RD 132/2010 de requisitos mínimos o primeiro ciclo de la educación infantil (0-3) pode comezar o camiño cara a dignificación.
Actualizar a lexislación ás recomendacións europeas é unha necesidade urxente. Por esta razón a baixada de rateo por adulto resulta hoxe un gran avance para o noso sector, pero, sobre todo, unha vitoria social que tendera repercusión nas futuras xeracións e sociedades. Dado que nos enfrontamos a un cambio decisivo, somos conscientes da dificultade de implementación destas medidas e comprendemos a necesidade de asumir retos progresivamente, pero é importante ofrecer un punto de referencia que anime a dar os pasos necesarios.
No noso contexto autonómico, a pesar das declaracións por parte dos representantes da Xunta de Galiza, queremos crer que ten que haber consenso, e que o medo que se esta transmitindo as familias, coa ameaza de sacar a gratuidade (somos a única comunidade autónoma que ten a etapa 0-3 gratuíta) vaise a solventar, xa que temos un modelo hai case 20 anos que funciona e é viable, a rede de escolas infantís (públicas) Galiza azul, do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Temos moitos argumentos para rebaterlle ao goberno autonómico. Non esquecemos, por exemplo, o rexeitamento que fixo a Xunta dos fondos europeos, nin máis nin menos que 22 millóns para prazas publicas de educación 0-3.
Hai moito traballo por facer, pero estamos no camiño. Dende a plataforma seguiremos loitando e reivindicando: baixada drástica das rateos, presenza de parellas pedagóxicas permanentes, recoñecemento profesional con melloras salariais e laborais equiparables ao resto do corpo docente. E, no caso galego, esixindo que o 0-3 se sintonice co ciclo 3-6 (Infantil) dependendo plenamente da Consellería de Educación, e non de Política Social, tratando esta etapa como unha parte crucial da ensinanza pública e non como "algo aparte”.
Por todo isto seguiremos mantendo a presión social de cara ao inicio do próximo curso escolar para que a Xunta de Galiza non poida ignorar o conflito. Seguiremos loitando e facendo uso das distintas accións, folgas, concentracións e campañas de concienciación se as mesas de negociación non ofrecen melloras reais en rateos e dereitos. A loita do 0-3 é a loita de toda a sociedade.







