Descarga aquí a folla
Hoxe, 19 de maio, despois das tres impresionantes xornadas de folga no metal de Pontevedra, comeza a primeira das tres xornadas de folga dos e as traballadoras do metal da Coruña para esixir un convenio digno. Tamén en Pontevedra, malia os intentos por parte de CCOO e UGT de asinar un acordo moi por debaixo das reivindicacións dosplanteis, hoxe volverán a saír a folga e a paralizar os estaleiros durante Navalia (a Feira Internacional Naval de Vigo).
Milleiros de traballadores e traballadoras (ata 18.000 no caso da Coruña e 33.000 no caso de Pontevedra) en loita pola dignificación das condicións laborais e sociais ante unha patronal que se fai millonaria a base de explotar e precarizar os postos de traballo.
Desde o Sindicato de Estudantes amosamos todo o noso apoio e solidariedade coa loita do metal, tanto en Pontevedra como na Coruña, estamos convosco porque a vosa loita é a nosa. Esta batalla non é só polo convenio, é polo noso futuro e en defensa dunhas condicións de vida digna para o conxunto da clase traballadora e a xuventude.
Os seus beneficios a costa do noso empobrecemento
A patronal pon cara de vítima pero os datos a desmenten. Segundo o informe anual de ASIME (a patronal galega do Metal), o sector galego pechou 2024 cun 3% máis de emprego e un 10% máis de facturación; Galiza concentra o 41% da carteira nacional de pedidos navais e os estaleiros privados acumulan 28 buques contratados por 1.600 millóns de euros. A mesma ASIME recoñece que necesitará incrementar drasticamente o número de traballadores nos próximos anos.
Os cartos están e a carga de traballo tamén. O que non hai é vontade de repartilo, porque a condicións para que os beneficios sigan engordando é exactamente esa: manter aos traballadores esmagados, con salarios baixos, longas xornadas, dereitos recortados, precariedade, explotación e sinistralidade e, sobre todo, medo a abrir a boca.
Mentres a patronal engorda os seus beneficios, somos as familias obreiras as que non chegamos a fin de mes. O prezo dos alimentos, das facturas e, sobre todo, da vivenda, leva anos subindo a un rimo que os salarios non alcanzan. Iso é o que está en xogo nestas folgas: que as familias traballadoras podamos vivir dignamente e chegar a fin de mes, pagar o aluguer e encher a neveira.
Pero a forza do metal en Pontevedra, á que agora se suma a forza do metal na Coruña, marcan o camiño para unir as forzas, unificar as loitas e pararlle os pes a esta patronal impoñendo unhas condicións laborais, salariais e sociais dignas.
Sabemos que esta batalla nos interpela directamente e por iso estamos convosco.
Viva a loita da clase obreira, nin un paso atrás na loita do metal!
Xuntas somos máis fortes







