Hai que continuar a loita ata botar abaixo os recortes da Xunta do PP

Tras o clamor da folga do pasado 24 de outubro, na que profesoras e profesores baleiramos as aulas e asolagamos as rúas de Compostela contra a Consellería do PP esixindo melloras substanciais nas nosas condicións de traballo, a CIG decidiu dar un paso máis e impulsar un plan de loita durante o mes de novembro. O resultado foron numerosas concentracións nos centros de estudo e nas principais cidades, unha gran manifestación o pasado domingo 19 de novembro con máis de 4.000 docentes abarrotando de novo o centro histórico de Compostela e, por último, unha nova xornada de folga de profesores e profesoras o próximo 28 de novembro.

A Consellería de Educación continúa negándose a negociar nada, e os sindicatos que asinaron o acordo da vergoña (CCOO, UXT e ANPE) agocharon definitivamente a cabeza ante a forte mobilización do profesorado. Mesmo tentaron desviar a atención cara a outros asuntos para arrefriar o ambiente como, por exemplo, no caso de CCOO, coa convocatoria de concentracións polo concurso de traslados.

O profesorado galego deixou ben clara a súa vontade de loitar por unhas condicións de traballo dignas nas aulas e por unha educación pública de calidade, por iso a folga do próximo martes 28 de novembro non debería ser o punto final ás mobilizacións senón só un chanzo máis.  A Consellería  non acepta nin unha soa das nosas reivindicacións, nin quixo sentar a negociar. Polo tanto é necesario estender a mobilización a toda a comunidade educativa cunha folga xeral do ensino. As ANPAS, o alumnado e o persoal non docente (conserxes, persoal administrativo, persoal de limpeza ...), moitos dos cales xa participaron activamente nas nosas mobilizacións, teñen que sumarse á nosa loita engadindo as súas propias reivindicacións. Hai que poñer á comunidade educativa en pé de guerra para dar un xiro brusco na situación cada vez máis crítica da educación pública.

As principais reivindicacións do profesorado, isto é, a mellora das nosas condicións laborais, a redución drástica de ratios, da carga lectiva e do traballo burocrático, e a consecuente contratación masiva de persoal administrativo e de docentes, repercutirían directamente na calidade do ensino e no funcionamento dos centros.  O noso sistema educativo quedouse obsoleto tras unha década de recortes. Non cambiaron nin os pupitres en máis de 20 anos. Precisamos medios para poder mellorar e actualizar o ensino.

Necesitamos máis medios tecnolóxicos, e aulas novas con mobiliario adaptado a tódalas metodoloxías de ensino e preparada para todo tipo de actividades e non só para a clase maxistral. Necesitamos recibir unha formación de calidade que nos permita estar sempre ó día na nosa materia. Necesitamos que nos centros haxa máis orientadores e orientadoras, e psicólogos e psicólogas que fagan fronte ó aumento de problemas de saúde mental. Necesitamos un servizo de transporte público eficiente, e non que empresas privadas coma Mombus inflúan sobre os horarios escolares. Necesitamos máis persoal administrativo e máis persoas nos equipos directivos de maneira que a xestión dos centros non supoña unha sobrecarga para ninguén e poidan ser realmente postos rotatorios. Necesitamos un horario que nos permita preparar as nosas clases da mellor maneira fomentando realmente a creatividade e o espírito crítico do alumnado. En definitiva, necesitamos unha revolución profunda no noso sistema educativo despois de anos de retrocesos en todas as frontes.

É necesario que a CIG, xunto ás ANPAS e ás principais organizacións do estudantado somen forzas. Como o Sindicato de Estudantes xa propuxo publicamente, é necesario unirse e convocar asembleas conxuntas nos centros de estudo co obxectivo de organizar e impulsar desde abaixo unha gran folga xeral educativa, planificada con tempo, e que supoña un paso adiante contundente. A única linguaxe que a Xunta do PP entende é o da rúa, nunca entendeu outro. Parar por completo a educación pública galega ata que a Consellería recolla por escrito as nosas esixencias, ese é o camiño. 

Todos e todas ás mobilizacións!

Por unha folga xeral educativa!

Por unha educación pública de calidade!