Basta xa de ataques ao ensino público. Substitucións xa!
O desprezo e os ataques da Xunta do PP ao ensino público son a norma no noso día a día: precariedade laboral para o profesorado, ratios imposibles, privatización ao máximo nivel, represión e criminalización da protesta nos centros de ensino…
O abandono, o maltrato e a falta de recursos para o ensino da clase traballadora maniféstanse de múltiples formas. Unha das máis recentes é o que está a acontecer nas últimas semanas en varios institutos galegos: a ausencia de profesorado en distintas materias por non cubrirse as baixas nin as xubilacións. O alumnado leva desde o inicio do curso sen profesorado debido á mala xestión e ao desleixo da Consellería de Educación.
Non hai escusas. Trátase de vacantes totalmente previsibles, derivadas de xubilacións nalgúns casos e, noutros, como levan tempo denunciando os sindicatos do profesorado, de listas de substitución baleiras en determinadas especialidades sen que a Consellería fixese absolutamente nada para solucionalo.
As consecuencias son nefastas en todos os casos, mais resultan especialmente graves para o alumnado de 2º de Bacharelato, que en apenas uns meses terá que enfrontarse á proba clasista e inxusta da PAU. Na práctica, o que está a facer a Xunta do PP é vulnerar directamente o noso dereito a un ensino público e de calidade, poñendo todas as trabas posibles para continuar os nosos estudos.
Con esta claridade explícano os os e as estudantes do IES Concepción Arenal de Ferrol no seu enviado á Consellería de Educación:
“O alumnado do IES Concepción Arenal de Ferrol levamos dende o 8 de xaneiro sen profesor de latín e italiano, deixando a grupos de 1º e 2º de bacharelato, máis de 4º da ESO, sen clases destas materias.
A nosa profesora xubilouse o 31 de decembro, xubilación avisada tres meses antes, e as listas estaban baleiras dende novembro. Aínda así, as listas de contratación non se abriron ata o 20 de xaneiro, demostrando unha gran falta de coordinación e previsión. Esta situación agrávase ao saber que outros dous centros, o IES de Melide e o IES de Santa Irene de Vigo, encóntranse na mesma situación.
Esiximos de forma urxente o reinicio das nosas clases, xa que consideramos que a falta destas é unha vulneración ao noso dereito á educación. Tamén queremos expresar a nosa preocupación polos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato, que teñen que se presentar ás probas PAU e vense afectados polo atraso na materia. Nalgúns casos por partida dobre, ao cursar tanto latín como italiano.
23 de xaneiro de 2026, Ferrol”
Esta é a situación lamentable á que están a someter ao alumnado do IES Concepción Arenal de Ferrol, do IES de Melide e do IES Santa Irene de Vigo. Desde o Sindicato de Estudantes amosamos todo o noso apoio, solidariedade e axuda a estas estudantes e esiximos á Xunta que deixe de poñer escusas e envíe de inmediato profesorado substituto, con condicións laborais e salariais dignas, para cubrir estas baixas nos próximos días.
Basta xa de atacar o ensino público. Se estás nesta situación, contacta connosco para organizar accións de presión e protesta e poñer fin a este abandono e á vulneración dos nosos dereitos.
Basta xa de escusas. Substitucións xa!







