 60.000 persoas demostran en Compostela ao PP que os profesores e os estudantes Queremos Galego!
O 90% de estudantes e profesores secundaban hoxe a folga convocada
polos seus Sindicatos contra o Decretazo co que o PP quere reducir as
horas de ensino en galego, aumentar o fracaso escolar e dividir á
comunidade educativa. Miles de estudantes acudiron en masa á
Manifestación Nacional. Unha importante parte dos estudantes e
profesores proviñan de centros concertados, onde a ausencia de dereito
á folga para estudantes e a explotación laboral dos profesores son o
pan de cada día.
Ante o medo que produxo no PP o amplo rexeitamento do seu proxecto de
decreto, este tratou durante o último mes de presentar esta folga e á
plataforma Queremos Galego como un compendio de “radicais” convocados
por “plataformas nacionalistas". Utilizando o discurso cavernícola
propio da dereita reaccionaria española, Feijóo trataba de dividir
entre nacionalistas e non nacionalistas a estudantes e profesores coa
idea de que a folga fracasase. Porén, contra estes intentos as
organización estudantís e xuvenís da esquerda e todos os sindicatos
amosamos a máis estrita unidade de acción golpeando cun só puño, de
xeito que tanto a folga como a manifestación traducíronse en éxito
total. A unidade de acción marca o camiño que debemos seguir para que
teñan que retirar esta loucura de proxecto.
Os intentos de dividir ás organización sindicais estiveron patentes ate
o último día, onde o goberno chamou á Queremos Galego e deixou ver na
prensa que estaría disposto a aceptar un 50% de galego e castelán. Esta
invitación foi correctamente rexeitada pola plataforma, xa que non era
máis que un novo intento de última hora para desactivar a mobilización.
Pero este convite repugnante tamén deixa entrever o medo que ten este
goberno dos traballadores e estudantes galegos. A debilidade amosada
aquí polo goberno indica que si é posible a vitoria. Hoxe, ao ver a
magnitude da mobilización, o voceiro do PP declarou que os
manifestantes “foron presionados polos piquetes preventivos”. Outra
mentira máis, xa que non fixeron falta piquetes de ningún tipo para
mobilizar aos profesores e estudantes por algo tan evidente como é a
defensa da nosa lingua.
Agora hai organismos tan pouco sospeitosos de ser de esquerdas como a
Real Academia Galega que se pronuncian en contra do proxecto de
Decreto. Estas institucións nunca “se mollan” para non quedar mal con
ninguén. Pero a presión por abaixo esta a facer que todo o mundo se
teña que posicionar. Hoxe mesmo 60 xuíces, avogados e catedráticos
declaraban que o proxecto de Decreto era incompatible legalmente con
leis de rango superior coma a LOE. Se ben nestas institucións non se
pode depositar confianza, si serven para ver até que punto existe un
rexeitamento masivo deste decreto.
Este decreto pode e debe converterse no pesadelo do PP. Debe ser o
decreto que leve á tumba política a un goberno reaccionario,
españolista e cavernícola. Para isto é necesario dar continuidade ao
movemento que hoxe comezou en Compostela. Os estudantes temos que ir
preparándonos para facer fronte a este ataque a aos que están por vir.
COMPAÑEIROS! debemos organizarnos no centro de estudos creando unha
Sección do Sindicato de Estudantes que nos permita informar
correctamente aos compañeiros, votar as folgas, dar asembleas para que
todo o mundo saiba por que nos mobilizamos, facer valer o noso dereito
á folga…AFÍLIATE E PREPARA AS VINDEIRAS MOBILIZACIÓNS!AFÍLIATE PARA
LOITAR CONTRA O DECRETAZO DO GALEGO!
|